Saturday 04 de May de 2024

Numerosos veciños acudiron á presentación da obra “A Cacería” de Amadeo Cobas no salón de plenos do concello de Riveira


O acto serviu tamén para renovar o convenio con Xerais

Numerosos veciños e veciñas animáronse na noite de onte a acudir á Casa do Concello con motivo da presentación da obra gañadora da quinta edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira: “A Cacería”, do autor noiés afincado en Vigo Amadeo Cobas, que está publicada por Edicións Xerais dentro da colección Fóra de Xogo.

Ademais do autor, o acto contou coa participación do alcalde Manuel Ruiz, a concelleira de Cultura Fabiola García, e o editor de Xerais, Manuel Bragado, quen rubricou un novo acordo co Concello en virtude do cal esta prestixiosa firma editorial publicará tamén a novela que resulte gañadora da próxima convocatoria do certame literario, tal e como vén facendo dende que Begoña Paz o gañou por primeira vez en 2006 con “As mellores intencións”.

Bragado destacou a calidade da obra. Definiuna como unha novela de aventuras localizadas nun tempo e un espazo míticos. “Non só é unha novela que atrapa na súa lectura, senón que tamén hai nela unha profunda reflexión sobre a identidade do heroe e esta foi unha razón determinante para publicala en Fóra de Xogo, probablemente a colección con máis lectores e lectoras en edición galega”, subliñou.

Manuel Bragado, quen aplaudiu a reaparición de Amadeo Cobas na Galicia literaria (a súa última obra fora “As pantasmas sodes do que non hai”, publicada en 2007 por Sotelo Blanco), tamén tivo palabras para o propio certame, que quixo describir en dúas palabras: “madurez” e “consolidación”.

Aventuras e amor
Pola súa parte, o escritor noiés manifestou a súa alegría por conquerir este galardón. “Poder entrar en Xerais e por enriba cun premio como o de Riveira foi para min un triunfo marabilloso da man desta historia guerreira, pero tamén cun pouco de amor”, matizou.

Informou de que a novela foi escrita durante a súa estancia en Zaragoza, onde viviu 15 anos, pero que foi escrita en galego dende o primeiro momento, pois ía ser unha mestura entre o que el vira na montaña galega (durante a súa intervención evocou algunhas das súas experiencias pola serra do Barbanza) e o moitísimo que aprendeu nas súas excursións aos Pirineos.

Manuel Ruiz felicitou ao autor e ao xurado desta quinta edición e tamén tivo palabras de agradecemento con Xerais por poder continuar con esta “maridaxe”. Tamén aludiu á circunstancia de que dende que el é alcalde os tres gañadores deste certame de carácter bienal proveñan dun radio de 30 quilómetros (Goretti Fariña, de Vilanova de Arousa; David Pobra, da Pobra; e agora Amadeo Cobas, de Noia), o que vén a demostrar o excelente estado de saúde que está a vivir a literatura na nosa contorna.

Ao concluír o evento agasallouse aos asistentes cun exemplar da obra e foron numerosos os veciños que fixeron cola para que Amadeo Cobas lles asinase o seu texto.